Seguidores

domingo, 26 de abril de 2020

ACLARACIÓNS

Como a semana anterior os mestres/as de 4º de Ed. Primaria recibimos dúbidas relativas a diversos aspectos da organización que se ten acordado para este terceiro trimestre (número de asignaturas das que había propostas de traballo, horario que debía serguir cada alumno/a...), o titor decidiu escribir esta entrada no blog a modo de aclaración.

3ª AVALIACIÓN
Nestes momentos os mestres/as temos unha avaliación final ordinaria que, ao non suspenderse o curso, imos realizar. Lembrade que un aspecto é a 3ª avaliación e outro a avaliación final. Por este motivo, e despois de que salgan as instrucións da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, relativas á 3ª avaliación (que aínda non nos enviaron), reconsideraremos os criterios de cualificación fixados nas nosas programacións didácticas. De feito, en función das indicacións que recibamos por dita Consellería en relación ao carácter desa 3ª avaliación e á forma de levala a cabo, nos atoparemos nunha situación na que teremos que establecer, ou ben, uns criterios de cualificación baseados exclusivamente nas dúas primeiras avaliacións, ou ben, nas tres avaliacións. 

En definitiva, cando publiquen as Instruccións mencionadas informarémosvos do xeito de avaliar neste terceiro trimestre.

ASIGNATURAS DAS QUE SE ENVÍAN ACTIVIDADES:
Os docentes de 4º de Educación Primaria proporán desde o luns 20 de abril actividades obrigatorias de carácter semanal das áreas de: 
  • Lingua Galega,
  • Matemáticas,
  • Lingua Castelá, 
  • Lingua Estranxeira: Inglés e Matemáticas.
Ademáis, de xeito complementario e optativo, o mestre de Ed. Física e a mestra de Música, proporán actividades de Ed. Física e de Música.

ACTIVIDADES:
As propostas de traballo que estamos envaindo son sempre de repaso e/ou de reforzo dos contidos traballados na clase os meses anteriores, non de continuación do currículo. 
Por outra banda, cómpre especificar que as tarefas enviadas nas áreas de Lingua Galega, Lingua Castelá, Matemáticas e Lingua Estranxeira (Inglés) son de carácter obrigatorio para o alumnado, mentres que as complementarias de Ed. Física e de Ed. Artística: Música son de carácter optativo.

HORARIO SEMANAL:
En relación ao tempo de traballo diario por parte do alumnado proponse que sexa de 2 horas diarias (salvo 1 día que sería de 3 horas coas propostas semanais complementarias). Por tanto, atendendo ás asignaturas das que se envían propostas (expostas anteriormente) quedarían semanalmente 3 horas de Lingua Galega (LG), 3 horas de Lingua Castelá (LC), 3 horas de Matemáticas (MATE), 1 hora de Inglés (ING.) e 1 hora para actividades complementarias (A.C.). En consecuencia, o horario que se propón sería o seguinte:

LUNS
MARTES
MÉRCORES
XOVES
VENRES
LG
LC
LG
LC
LG
MATE
ING.
MATE
MATE
LC


A.C.





Se tedes máis dúbidas acerca da organización do terceiro trimestre, agradeceríamos que nolas comuniquedes e responderémosvolas o antes posible.

TAREFAS DA SEMANA DO 27 DE ABRIL AO 1 DE MAIO 

Ola a todos e todas!

Como estades? Esperamos que ben. Xa estamos a piques de rematar o mes de abril! 

Tal e como se vos dixo a través das chamadas e mensaxes de whatsapp, a semana pasada comezamos a propoñer actividades para que as fagades na casa. Como sabedes as tarefas PROPÓÑENSE POR SEMANA, polo que vos pedimos que as vaiades facendo ao día, para que non se vos acumulen. Aínda así, somos conscientes de que nalgúns casos na semana do 20 ao 24 de abril, uns recibíchedes tarde na casa o traballo e outros/as vístesvos un pouco superados porque non estabades afeitos a recibir e devolver realizadas as actividades. É comprensible, polo que vos animamos a que sigades pouco a pouco. Estamos seguros de que esta semana xa non vai ser así. A continuación, por tanto, tedes TODAS AS NOVAS TAREFAS para 4º de Ed. Primaria (clicade enriba de cada asignatura para acceder aos documentos de traballo):

- Lingua Galega e Matemáticas. A mestra de galego e o mestre de matemáticas continúan propoñendo as súas tarefas conxuntamente para traballar a competencia en comunicación lingüística e a competenecia matemática ao mesmo tempo.

- Lingua Castelá. O titor propón dous documentos, pero OLLO!, SÓ tedes que facer un deles. O que se chama "PROPUESTA 2 PARA TODO EL ALUMANDO", é o que tedes que facer todos/as, pero o segundo, que se chama "PROPOSTA  2 PARA 1 ALUMNO DE 4º",  SÓ o debe facer 1 rapaz que xa está avisado

- Inglés. O mestre de inglés continúa propoñendo, por unha banda, unha folla na que especifica os obxectivos e os contidos, así como a explicación das actividades. Por outra banda, adxunta vídeos con algunhas aclaracións e PAPERS numerados, que non son máis que anexos con worksheets, answers, etc.

-Actividades complementarias. O mestre de Ed. Física e a mestra de Música propoñen esta actividade OPTATIVA. Esperan a vosa participación! LEMBRADE cubrir o CUESTIONARIO.

Lembrade que hai TAREFAS QUE DEBEDES ENVIAR A CADA UN DOS MESTRES/AS (por exemplo, mensaxes de audio, fotos das actividades...). Especifícase en cada documento que actividades debedes enviar e os medios polos que o podedes facer. Porén, volas imos pedir máis adiante tamén en papel. POR FAVOR, GARDÁDEAS NO PORTAFOLIOS!

Por último, podedes escribir as dúbidas que teñades na parte do blog para facer comentarios, ou por Whatsapp, correo, chamada telefónica etc., e os mestres/as trataremos de responder o antes posible. 

Os mestres e mestras do colexio envíanvos de novo unha forte aperta! 
.

domingo, 19 de abril de 2020

TAREFAS DA SEMANA DO 20 AO 24 DE ABRIL

Ola a todos e todas!

Esperamos que esteades ben.

Tal e como se vos dixo a través das chamadas e mensaxes de whatsapp, a semana pasada comezamos a preparar as actividades para que fagades na casa. VÁNSEVOS PROPÓR POR SEMANA, polo que vos pedimos que creades un PORTAFOLIOS dividido en catro partes para ir gardando as actividades das catro asignaturas das que se van enviar as tarefas (clicade enriba de cada asignatura para acceder aos documentos de traballo):

- Lingua Galega e Matemáticas. A mestra de galego e o mestre de matemáticas propoñen as súas tarefas conxuntamente para traballar a competencia lingüística e matemática ao mesmo tempo. Cando cliquedes no nome da área saen dous documentos: o que se chama "boletín boas novas", que é a actividade que se vos pide, e o que se chama "folleto do froiz", que é un recurso que necesitaredes para facer a actividade do outro arquivo.

- Lingua Castelá. O titor propón dous documentos, pero OLLO!, o que se chama "propuesta 1 para TODO el alumnado", é para todos/as. Mentres que o segundo, que se chama "Propuesta específica 1 para 1 ALUMNO de 4º",  só o debe facer 1 rapaz que xa está avisado. Este último NON é para os demais.

- Inglés. O mestre de inglés propón unha folla na que especifica os obxectivos e os contidos, así como a explicación das actividades. Por outra banda, tedes PAPERS numerados, que non son máis que anexos con worksheets, answers, etc.

Lembrade que hai algunhas TAREFAS QUE DEBEDES ENVIAR AO TITOR (por exemplo, mensaxes de audio, unha foto dunha redacción...). Especifícase en cada documento que actividades debedes enviar e os medios polos que o podedes facer. A GRAN MAIORÍA NON AS TENDES QUE ENTREGAR AGORA, pero volas imos pedir máis adiante en papel. POR FAVOR, GARDÁDEAS NO PORTAFOLIOS!

É importante sinalar que ALGUNHAS actividades que se vos propoñen teñen as SOLUCIÓNS para que as corrixades vós mesmos/as. Vades ser así tamén mestres/as de vós mesmos/as!

Por último, podedes escribir as dúbidas que teñades na parte do blog para os comentarios, ou por Whatsapp, correo, chamada telefónica etc., e os mestres/as trataremos de responder o antes posible. 

Os mestres e mestras do colexio envíanvos unha forte aperta! 
.

martes, 14 de abril de 2020

Bos días!
Como sabedes, comezamos o terceiro trimestre, pero non temos clases presenciais. Polo tanto, a partir do luns 20 de abril, comezaremos a publicar por este blog todas as tarefas que deberedes realizar. Ademáis, podedes comunicar por aquí todas as dúbidas que teñades e os profes trataremos de darlles resposta o antes posible. As TAREFAS serán de LINGUA GALEGA, LINGUA CASTELÁ, INGLÉS e MATEMÁTICAS.
Porén, ata o luns 20 non imos enviar tarefas novas. Seguide cos plans de traballo que se vos enviaron nas semanas anteriores.
É importante recordarvos que, por favor, NON PERDADES ningunha das tarefas que fixeron ata agora. Gardádeas nun portafolios porque volas pediremos máis adiante.
Moitísimo ánimo.

                       Os mestres e mestras mandámosvos unha forte aperta a tod@s.